Vistas de página en total

sábado, 19 de abril de 2008

Numerosas mámoas da Costa da Morte desaparecen por falta de protección

.........................................................................S.G.

Unha cuarta parte dos dólmenes do municipio cabanés perdéronse nos últimos seis anosO principal problema do riquísimo patrimonio megalítico da Costa da Morte é a destrucción masiva e sistemática das humildes pero importantísimas mámoas. A situación é tremendamente grave, e por diferentes razóns, como as que de seguido de detallan
Evaristo Domínguez Rial
Localidad:
carballo

Das 32 mámoas que Manuel Lestón catalogou en Cabana en 1996, nunha comprobación que do seu estado se fixo este verán, atopouse que das 14 que había na Piolla, tres desapareceran por ser achanzadas ó facer repoboacións de eucaliptos. Das oito das necrópoles de A Eirita, outras catro tiveron o mesmo destino e delas, tres, que estaban na mesma finca, foron desfeitas o mesmo día hai uns catro meses (unha incluso tiña dolmen visible). Todo un récord. Unha quinta foi atravesada por unha pista. En total, en Cabana, perdéronse total ou parcialmente oito de 32, nada menos que un 25% nestes seis últimos anos.
No Concello de Zas, case entre as mesmas datas e polo mesmo motivo, foron arrasadas outras dúas que había entre Sobreira e A Pedra, e unha terceira próxima a elas medio desfeita por unha pista forestal. No Allo só queda unha especie de muro testemuña dunha bastante grande. Outra arrasada por repoboacións estaba na Chousa do Crego, preto da igrexa de Gándara, e na zona da Piosa (Muíño) no mes de abril, foron achanzadas dúas, estas últimas moi preto da grandiosa Arca.
Na Braña Fiallas (Brandomil), desfixeran unha no ano 94 de tamaño considerable, xa que dela sacaron uns 200 tractores de terra e no seu interior tiña un pequeño dolmen de corredor. Hai menos de dous anos fixeron o mesmo con outra de tamaño similar que estaba case a rentes da anterior. E así poderiamos seguir con máis e máis casos. Tres en Muxía medio desfeitas por pistas, ou unhas dez en Vimianzo.
A cuestión é quen debe tomar medidas e cales serían estas; aínda que os responsables do patrimonio histórico-artístico terían moito que dicir.
Solucións
As solucións poden ir en varias direccións: unha, facer unha catalogación en profundidade dos monumentos existentes, e non só os megalíticos, averiguando quéen son os propietarios das fincas nas que se ubican, comunicarlle o resultado das investigacións ás autoridades competentes -mesmo ás municipais-, e que estas se poñan en contacto cos donos advertíndolles da existencia dos vestixios históricos e de que a súa destrucción está severamente castigada pola lei. Deste xeito non habería disculpa posible e cabería aplicar a Lei do Patrimonio con toda rigorosidade.
Dúas, unha sinalización clara de cada unha delas. Tres, campañas de sensibilización entre os propietarios. Catro, resarcilos económicamente polos posibles danos que se lle poideran ocasionar, mesmo con exencións fiscais.
Na situación actual calquera pode desfacer un monumento e logo, a feitos consumados, é imposible a súa reconstrucción ou estudio e por máis sancións que se lle impoñan ó infractor, non se soluciona nada posto que o dano, ademais de irreparable, xa está feito. Máis importante que a sanción ou o labor de restauración debería ser a prevención.
Unha cousa está clara: ou se emprenden accións urxentes ou en poucos anos acabaremos co que nos deixaron os nosos devanceiros e que soportou o paso do tempo durante máis de 40 séculos, aínda estamos a tempo de salvar o pouco que vai quedando.
Tomado de: http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2002/09/02/1213861.shtml

No hay comentarios: